De Android a Cyanogen(mod)

Facer este troco custoume algún susto pero o resultado paga a pena, con certeza. Como un amigo cun bo perfil técnico (Carlos, capri99) pediume a guía que fixen mentras el mesmo me axudaba, anímome a compartila con vós. Pero que conste, está feito por alguén sen perfil técnico :)Cyanogen(mod)

O meu teléfono é un HTC Desire que, apesares de ser case que copia do Nexus, demorou máis de dous meses en ter rematada a súa actualización á nova versión de Android. Frente ao Nexus mellora nalgunhas cousas, como o ambiente Sense, pero tiña o problema de espazo para aplicativos e certa inestabilidade coa conexión inarámica. Total, chegou a hora do salto ao Cyanogen(mod) 6.1.0 RC1  e anticipo que tras unhas semanas de uso vaime fenomenal.

Curiosamente o proceso no Desire non é tan sinxelo como noutros terminais. Por exemplo, non está dispoñible a ferramenta Universal AndRoot (fai procura na internet por se agora xa soporta Desire) coa que cun simple clic tes o terminal con root, os poderes de super administración necesarios para completar todo o proceso.

1.- Copias de seguranza

Co xestor de arquivos que teñas instalado replica os contidos de

  • /system/app a /mnt/sdcard e a algunha parte máis fóra do móbil
  • /mnt/sdcard/Contacts a algunha parte máis fóra do móbil
2.- 'Rootear' o terminal

No meu caso empreguei unha versión do Unrevoked específica para o modelo Desire que descarguei na miña computadora.

  • No teléfono fun a Menú/Ajustes/Aplicaciones/Desarrollo marcando a opción "Depuración USB".
  • Cando vaias conectar o terminal á computadora vía USB hai que elixir tamén "Sólo cargar" e o recadro "Recuerda esta opción".
  • Na computadora vou á onde descarguei o arquivo dende Unrevoked.
  • Descomprimo o arquivo reflash.tar.gz
  • Executo dentro do seu directorio descomprimido vía liña de comandos:

sudo ./reflash
[sudo] password for roberto:

  • Ao rematar o proceso e apesar de ter seleccionado a conexión USB coa a función "Sólo para cargar" a batería, mountouse a tarxeta SD. Confirmo que todo o contido da tarxeta SD está correcto.
  • Confirmo que teño 'root' arrancando o trebello premendo ao mesmo tempo a tecla de prendido e maila tecla da frecha cara atrás.
  • Reinicio normalmente o teléfono para facer algunhas operacións
    • Instalar o ROM Manager procurándoo no Market de Google
    • Ir a Menú/Ajustes/Aplicaciones/Servicios en Ejecución e deter todos os servizos
3.- Instalar un Recovery

Abro ROM Manager/Flashear ClockworkMod. A aplicación vai a internet e descarga un Recovery. Feito iso, selecciono xusto embaixo o de "Reiniciar en modo recovery". Reinicia  en modo Recovery e aparece o boneco Android ollando cara un sinal triangular cunha admiración no seu interior.

Premo no botón "Volumen +" ao mesmo tempo có botón de Prendido e aparece un novo menú 'recovery'. Elixo Backup and restore/ Backup, o cal me fai unha copia de seguranza de todo o sistema (coido que chaman a ese proceso "nandroid"). Se a cousa sae mal arranca deste modo para elexires Restore e maila versión coa data dese 'nandroid'.

4.- Instalar a Radio

Instalar unha ROM realmente consta de dous pasos: sistema operativo e maila Radio (empiricamente é necesaria para obter unha maior estabilidade).

A Radio descargueina facendo unha procura por internet de "5.10.05.23". Atopeino en XDA-developers pero tes máis listados aquí. Coloco ese arquivo descargado tal cal no directorio raíz da tarxeta SD (/mnt/sdcard).

No menú 'recovery' vou a Bootloader/Fastboot/Recovery e elixo "unzip from sdcard", selecciono o arquivo e acepto a súa instalación (hai que moverse e seleccionar "Yes...") para instalar a Radio. Tras iso reinicio a lo menos unha vez no sistema orixinal. Ten paciencia porque o reinicio non estará completo ata que entres de novo no sistema de sempre.

5.- Instalar a ROM

Descargo a ROM (ao meu entender é o sistema operativo de seu, o substituto do Android) usando a aplicación ROM Manager. Elixo CyanogenMod 6.1.0 RC1 e sáeme un recadro "Complementos de ROM" coa opción de instalar Google Apps. Digo que SI á instalación de Google Apps apesar de que unha morea de aplicacións hanse instalar na memoria interna ocupando moito espazo. Este é un paso importante porque se non instalas un mínimo de Google Apps terás problemas co Market e outras funcionalidades referentes á túa conta de Google.

No meu caso funcionoume mellor facéndoo manualmente no canto de empregar o ROM Manager.

Así que feita a descarga tanto da ROM como de GoogleApps sigo así:

  • Vou a Bootloader/Fastboot/Recovery e selecciono
  • Wipe data/factory reset e espero a que o faga
  • Wipe cache partition e espero a que o faga
  • Wipe Dalvik (en advanced)

No mesmo menú elixo "unzip from sdcard" e "choose from sdcard" para instalar a ROM que coloquei no directorio /mnt/sdcard (estando orixinalmente no meu caso en /mnt/scdard/clockworkmod/download/mirror.teamdouche.net/get/bravo).

6.- Instalar Google Apps

Tras instalalo e reiniciar completamente, apago e novamente vou a

  • Bootloader/Fastboot/Recovery
  • elixo "unzip from sdcard"  e "choose from sdcard" para instalar as Google Apps que descarguei manualmente ou coa aplicación ROM Manager, no meu caso en /mnt/scdard/clockworkmod/download/koush.droid.co/google
  • Reinicio completo e xa pedirá os datos da conta en Google.

A partires daquí xa tes o teu flamante sistema funcionando.

Máis ligazóns de interese:

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno