Cando GNU/Linux dominaba o 90% das instalacións en PCs

É un conto de  ciencia-ficción que arrinca así...

Entendo ben cando alguén di que ten problemas ao pasar de GNU/Linux a Windows porque, con franqueza, decepcionoume ese tal Windows. Probeino pola insistencia dalgúns amigos que o empregan e aseguran que lles sorprendeu.

Pois ben, presto e rápido fun á web da tal Microsoft (unha empresa que desenvolve ela soíña todo o sistema, sabe o que necesitamos e todo iso ¡sen copiar códigos nin ideas de ninguén!). Busquei ata a saciedade e nada, foi imposible atopar como se baixaba unha copia do sistema. Esgotado e á beira da depresión pregunto aos meus amigos. Estupefacto quedei cando me din que 'o correcto' é mercalo. "Entón, será bo de verdade", pensei.

Collín algúns cartos, fun á tenda de informática do barrio e pedín unha copia do sonado sistema. A resposta sorprendeume: "Para comprar unha copia de Windows (así nomean ao sistema) has de baixar ao centro pero, se queres, podo pasarche unha copia 'pirata'". "¿Pirata? ¿Qué me queres dicir?", interroguei. "Nada, que sería un copia ilegal". Vade retro!, saín pitando dalí, "O que me faltaba! Ser ilegal tan só por instalar software".

Ao día seguinte e con máis tempo busco nunha nova tenda. Despáchanme amablemente confirmando que dispoñen de diversas versións do sistema: Starter Edition, Home Edition, Professional e non se cantas máis. Nada, interrompo a súa listaxe de versións pedíndolle "a máis completa de todas". O susto foi morrocotudo, "350 euros" na versión "non-servidor". "¡Caramba! Debe ser bo de verdade", pensei unha vez máis. Como non me alcanzaba o diñeiro que levaba, pénsoo con calma, aperto os meus beizos e finalmente esgrimo o meu cartón de crédito botando uns cantos tacos.

Mentres ía a casa, chamo a Billy, un dos amigos que recomendaron o tal Windows. "Pero que inocente es! Púidenche pasar unha copia pirata...". A insistencia invitándome a caer na ilegalidade pareceume unha situación moi estraña, máis que nada porque entro en calquera web especializada e podo baixarme o GNU/Linux que queira de xeito totalmente legal. Ademais sempre puiden facer copias e distibuirlas libremente.

Caía a noite e poño o CD do sistema no meu computador para probalo. Probalo? Non puiden! Non era un sistema "live-cd", só podía instalar ou desistir. E claro, logo do que desembolsei, decidín instalar. Seguín as instrucións que aparecían nas pantallas mentres o meu nerviosismo ía en aumento porque non me preguntaba nada acerca dos demais sistemas que xa tiña o computador. "Que raro!", cando probo ou instalo un GNU/Linux sempre me detecta outros sistemas instalados e ofréceme múltiples opcións.

Billy, o meu amigo, confírmamo, "si, borrarase todo o que teñas previamente". Así que volta a empezar, asustado fago unha copia de seguranza de todo para despois volver iniciar a instalación. O proceso, a verdade hai que dicilo, foi moi simple, sempre dándolle a "seguinte", excepto cando tiven que pór uns códigos que levaba a copia do sistema (ao parecer era necesario para evitar copias ilegais).

Tras rematar a instalación, o sistema reiníciase cunhas configuracións máis ben pobres e cunha infinidade de fiestras emerxentes pedíndome os 'drivers' orixinais de diversos compoñentes: tarxeta gráfica, de son... e ata do propio monitor. A parte disto, puiden cambiar configuracións por todas as partes sen pór ningunha clave, o sistema xa daba por feito que eu era o seu administrador, o 'root'. "Que raro!". Creei unha conta de usuario simple pero cada vez que necesitaba facer algún mantemento ou axuste estrutural debía saír da sesión para entrar como administrador. "Claro, por iso todo o mundo entrará sempre como administrador!". Non me gustou, en Linux isto é moito máis sinxelo e seguro.

Ben, xa ía sendo hora de traballar. Fun ao menú Inicio > Programas, para ver os que incluía. Caramba! Apenas viña con algún software! Se quería abrir algún documento ofimático tería que regresar a Internet ou, peor aínda, pasarme pola tenda e volver desembolsar uns bos euros. Non atopei nada semellante a un Xestor de Software ou repositorios. Menos mal que a suite ofimática OpenOffice.org está dispoñible desde a súa web para este sistema. E así fixen con todo o que necesitaba, ata os 'drivers', investigaba en Google, ía á web e instalaba. Perdín moito tempo con todo este proceso, a verdade.

Outras cousas que me chamaron a atención foron a súa terminología (hai un drive A e despois un C, pero onde está o B?), que fose tan básico (sen aplicacións ofimáticas, multimedia... e ningunha opción de usalo como servidor) ou a súa escasa seguridade. Quedei pampo. Ao parecer o sistema ese necesita software anti-virus e anti-spyware pero a copia orixinal non viña con nada diso. Como é posible?

Así que, hei de confesalo, as miñas primeiras impresións non foron nada alentadoras. Pareceume complexo, confuso e demasiado laborioso para min. Pode ser bo para unha persoa que sexa do tipo técnico, como o meu amigo Billy. Para alguén coma min, serio e legal, é preferible seguir con GNU/Linux, está claro.

Fuente

Grazas a unha mensaxe de Melissa Braun souben en última instancia dunha entrada na lista de correos de Ubuntu Brasil. O texto relata a experiencia dun usuario de Sw Libre que proba por primeira vez un Windows. Nesa historia fictícia GNU/Linux domina o mercado con máis do 90% de instalacións nos computadores.

Gustoume a idea e decidín darlle unhas cantas voltas máis, facer o que se fai co SwL, personalizalo ;)
 

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno