Chromium OS, valoracións

Non é este un artigo sobre valoracións técnicas senón sobre as moitas e variadas cuestións ao redor do proxecto de código aberto avalado polo xigante de internet Google, o Chromium OS.

De antemán o proxecto supón un asentamento máis no modelo de código aberto. Abrir e compartir código non é unha tolemia nin unha moda, é un modelo consolidado que amplía as posibilidades de desenvolvemento e mellora o resultado final. Se ademais fose Software Libre, si, tamén, sería ético. Eles mesmos din (traducido por mancomun.org): "Aínda queda moito por facer, e estamos desexando traballar coa comunidade de código aberto. Beneficiámonos enormemente de proxectos como GNU, o núcleo Linux, Moblin, Ubuntu, Webkit, e moitos máis. Queremos achegar o noso código ao repositorio público e colaborar intimamente con estas e outras iniciativas de código aberto".

Polo que volvo ler, o proxecto ten múlples licenzas: "A porción realizada por Google está amparada por licenzas de uso BSD e Creative Commons attribution 2.5, con outras partes suxeitas a unha variedade de licenzas de código aberto permisivas incluíndo MIT License, Ms-PL e a tripla licenza MPL/GPL/LGPL. Polo tanto, pode ser considerado como libre maila dispor de licenzas incompatibles coa GPL como é o caso da MPL".

Outro factor a ser considerado é que a oferta de equipos hardware con Chromium OS pre-instalado abrirá definitivamente o Software Libre ao público xeral. Termos equipos compatibles eliminará unha das barreiras de entrada que aínda hoxe penalizan o avanzo de SwL. Maila todo, beneficiará isto ás outras distros? Haberá equipos con Ubuntu ou Fedora como alternativa? As dúbidas permanecerán durante bastante tempo xa que logo, entre outras consideracións, as interfaces son ben diferentes. Achegarase Gnome, KDE... á interfaz do Chromium? Olla o video da interfaz que propón Google.

E os datos de quen empregue Chromium? Si, maila ser Chromium de código aberto, os nosos datos vanse por internet grazas aos múltiples servizos de Google e outras empresas. Que máis da que as nosas sospeitas se disipen porque temos a transparencia de códigos! Neste caso empregamos eses servizos para deixar os nosos datos máis persoais en mans alleas. Comprobamos como o SaaS supón un perigo á nosa intimidade. Porén, isto xa está a acontecer agora porque, sexa cun sistema operativo privativo ou libre, é evidente o éxito das redes sociais.

Se cadra isto último xunto á evidente tendencia á concentración de terminais pode provocar que definitivamente o sistema operativo acade a categoría de commodity, invisible en última instancia.

Estas e outras cuestións precisarán dunha máis profunda avaliación. Demos tempo.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno