Educación migrará plataforma de correo-e a SwL

O DOG nº 171 publica unha resolución do 24 de agosto de 2009, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se anuncia a licitación, mediante procedemento aberto e tramitación urxente, para a contratación do servizo de migración da plataforma de correo electrónico corporativo desta consellería a unha arquitectura baseada en software libre.

A dependencia que tramita o expediente é Subdirección Xeral de Sistemas Informáticos e só hai dez días contados ata a data límite de presentación. O importe é 180.000 €.

Máis datos no DOG nº 171 do pasado martes 1 de setembro de 2009, páxina 14.241 e na páxina dos pregos relativos. Nesa páxina coméntase que tanto o servizo de envío como o de recepción son proporcionados por equipos con idéntica configuración software baseada no sistema operativo openSUSE Linux, pero con diferentes prestacións hardware.

Na actualidade o servizo SMTP/MX está xestionando diariamente entre 800.000 e 1.200.000 correos. Con todo, é previsible un considerable aumento destas cifras debido á masiva afluencia de correo non desexado nestes servidores, o que fixo que nun ano se multiplicase por 10 o número de mensaxes xestionados polos servidores, e que, por exemplo, desde o comezo deste ano fixo aumentar en case 200.000 mil o número de correos procesados diariamente.

O servizo de almacenamento de caixas de correo, e o acceso ás mesmos mediante os protocolos POP, IMAP e HTTP, está implementado a través do software SunCluster 3.1 de Sun Java System Messaging 6.2. O servizo execútase sobre dous nodos idénticos Sun Fire 280R con procesador 2 X UltraSPARC-III+ a 150MHz e 4Gb de RAM.

Os servidores de caixa de correo actualmente proporcionan aloxamento para 50.000 contas de correo que ocupan preto de 4TB. Durante o ano 2008 o número de contas incrementouse en 5.000, pero está previsto un incremento maior durante o ano 2009.

A descrición do servizo requirido inclúe asesoramento, formación, licenzas libres e/ou abertas, documentacións en estándar ODF, integración dunha interface web accesible segundo o estándar WAI-AA da W3C, etc.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno