Organizacións empresariais e sociais relacionadas con Software Libre/Código Aberto de ambos lados do Atlántico formalizan a súa colaboración a través do
Acordo Atlántico
29 de Xuño de 2011
As seguintes asociacións empresariais e sociais do ámbito do Software Libre/Código Aberto:
- AGASOL: Asociación Galega de Empresas de Software Libre – Galicia.
- ASL: Associação SoftwareLivre.Org – Brasil.
- ASOLiF: Federación Nacional de Empresas de Software Libre – España.
- CAdESoL: Cámara Argentina de Empresas de Software Libre – Arxentina.
- ESOP: Associação de Empresas de Software Open Source Portuguesas – Portugal.
- SoLAr: Asociación Civil Software Libre Argentina – Arxentina.
estiveron ao longo dos últimos meses traballando conxuntamente co fin de establecer acordos e canles de comunicación como paso previo á realización dun Plan de Acción conxunto a executar a ambos lados do Atlántico ao longo dos vindeiros anos. Estas actividades estarán orientadas á xeración e explotación de oportunidades de negocio, así como melloras de carácter social, difusión, apoio e asesoramento en cuestións que incumben a cada unha das entidades implicadas.
O Software Libre/Código Aberto propón a xeración e transferencia de coñecemento de igual a igual. As organizacións asinantes do Acordo Atlántico, que hoxe se fai público, pretenden trasladar este principio ao ámbito empresarial e social máis aló das súas respectivas contornas nas que operan. Propóñense tamén aproveitar a experiencia acumulada no desenvolvemento e explotación de tecnoloxías libres, así como na xeración de riqueza a través de modelos de negocio baseados en Software Libre/Código Aberto, para a realización de proxectos e accións conxuntas con impacto global.
O Acordo Atlántico constitúe, polo tanto, a primeira pedra que poñen estas organizacións para consolidar procesos de internacionalización durante os vindeiros anos. Representa á súa vez unha proba de madurez e visión global das organizacións asinantes do acordo, que reforza o auxe que o Software Libre/Código Aberto está experimentando en todo o mundo e, en concreto, nos países hispanos e lusófonos.
Valoracións de ASOLIF
A xerencia e maila xunta directiva de ASOLIF realizan valoracións sobre este acordo.
Unha historia persoal
Estou realmente emocionado pola formalización deste acordo. Conto o por que.
Estando aínda na presidencia de AGASOL, souben da miña viaxe ao amado Brasil, país onde nacín e non regresara dende cativo. Grazas á cantidade de persoas amigas que alá teño, decidín facela coincidir co FISL11, evento ao que fora convidado anos atrás.
Poder participar nun dos maiores eventos do mundo no eido do SwL xa era de seu absolutamente emocionante. Porén, comecei a traballar na idea que xa impulsara nas miñas anteriores viaxes a Portugal (fotos -as primeiras deste álbum-) e Angola (fotos): a lusofonía é máis unha oportunidade que un motivo de disputa. Así que podía pechar un belo circuito lusófono en Brasil se promovía este lazo grazas ao SwL. E así foi.
Solicitei e obtiven a representatividade de AGASOL para promover este acordo, incentivei a máis persoas a virem nesta expedición. Algo do mesmo aconteceu con ASOLIF. Sen embargo, a crise xa se asentara e finalmente fun unicamente co meu socio e amigo Carlos (fotos da viaxe).
No FISL tamén estaban presentes as asociacións arxentinas CAdESoL e SoLAr, a primeira de índole empresarial e a segunda social. Por suposto, unilas ao acordo foi inmediato.
A partir daquí, ASOLIF tomou a iniciativa preparando as infraestruturas adecuadas e promovendo o debate para as bases de funcionamento interno. Convidamos á ESOP portuguesa e á ASL angolana a participar neste acordo aberto a entidades no eido do SwL, hispanas e lusófonas. Lamentablemente teremos que agardar á unha vindeira ocasión para integrar á ASL angola.
Unhas bases e obxectivos concretos para a nosa cooperación e colaboración internacional, tanto empresarial como social, no eido do SwL foron creadas. É lóxico que estea realmente emocionado.