As tendencias estanse a confirmar teimadamente e a regra natural hase cumprir: "quen se anticipe terá vantaxes competitivas, quen o faga ‘a tempo’ permanecerá practicamente inmóbil e quen demore xa pode ir pensando na súa propia defunción".
Adaptarse debe ser unha constante inquedanza. E sobre adaptacións coido que nada mellor que un bo exemplo: na evolución das especies comprobamos que os golfiños deixaron os mares para sobrevivir na terra e logo regresaron á súa orixe, ao mar, onde hoxe os vemos, adaptándose sempre que foi preciso.
As tecnoloxías, máis que nunca, están a afectar aos modelos de negocio e á maioría das estructuras intensamente dependentes de recursos humanos. Ademais disto, están a facelo a velocidades de vertixe. E isto tampouco é novidade. Porén, tamén teimadamente, a demora á hora de adaptarse adoita ser a resposta case que xeral dos afectados. A adaptación, de habela, é irritantemente lenta.
Unha breve lista de grupos aínda inadaptados, é dicir, aqueles afectados que, maila ter indicios suficientes do perigo que se lle aveciña, apenas tentan adaptarse:
– As discográficas quéixanse, laméntanse… tanto que as leis vanse adaptando ás súas esixencias no canto de elas iren adaptándose ao novo contorno. Agora non é necesario contar con custosísimos estudos de gravación, múltiples enxeñeiros de son, materiais derivados do petróleo, distribuidores, tendas físicas, dependentes… para poder disfrutar das melodías duns poucos artistas. Hoxe iso grazas a internet pódese facer cun ‘clic’ e escoitar exactamente as melodías que desexas. E cada vez temos máis e máis artistas. A música non está en perigo, con certeza, só as discográficas inadaptadas e mailos afectados polo seu modelos de negocio e distribución.
– As editoriais deberían telo claro dende hai tempo pois o éxito de Amazon é ben coñecido a pesar de ter apenas uns quince anos de vida. Tras Amazon outras moitas tendas online naceron replicando o seu modelo de negocio. Agora xorden masivamente e-books e até e-magazines polo que a cultura escrita tamén queda a un ‘clic’. Como afectados temos ás editoriais, as papeleiras, as distribuidoras, as tendas físicas, dependentes… Hoxe, tamén máis que nunca, a cultura escrita abunda, os custos de editar redúcense considerablemente no eido dixital e novemente identificamos ao grupo afectado.
– Tirando do fío das editoriais podemos anticipar que os libros de texto, si, eses trebellos ‘imprescindibles’ para o ensino, poden ter a súa data de defunción anunciada. Que acontecería se o profesorado participara na elaboración do seu propio material didáctico nunha Wiki educativa? Isto xa está a acontecer en California onde está previsto un millonario aforro nas arcas públicas e unha ampla melloría na calidade do ensino. Polo camiño ata ese potencial obxectivo hai profesores individuais, colexios, institutos e universidades que publican o seu material, comparten foros co alumnado, medra a oferta e-learning…
Podería estar enchendo isto de exemplos porque semella que vivimos nun mundo perfectamente copiable.
Sen embargo, para rematar este artigo vou ir aínda máis lonxe, moito máis lonxe. A democracia tamén terá que adaptarse. Realmente, stricto sensu, é coñecida como ‘goberno do pobo’ desde a antiga Atenas maila comezar realmente a implantarse e difundirse hai pouco máis dun século, antes só era falacia ou utopía. E hoxe? É ‘goberno do pobo’ ou ‘goberno de representantes do pobo’? Si, representantes dun pobo hastiado, cada vez menos participativo nas eleccións, que realmente é gobernado durante catro anos polos mesmos representantes ata volver ser consultado. Poderá a universalización do acceso á rede modificar a metodoloxía pola que o ‘goberno sexa realmente do pobo’? Cando iso aconteza posiblemente teñamos unha auténtica democracia e a partir daquí xa veremos se ese é o mellor goberno posible.