Xentes fuxindo para non escoitar nin querer saber que é FLOSS á vez que aconsellando "non facer open source, tan só seguir o exemplo do seu marketing viral", "hai moito software dispoñible polo tanto desenvolve para SAP, …" e "só hai que deixar as webs con dous idiomas: un é o inglés e o outro xa sabes cal é". Así foi a tarde de onte nun evento do CFV.
Que atrevida é a ignorancia! Pero non, por favor, non o digo con menosprezo; máis ca nada porque eu son xente e por selo posiblemente tamén abuse da miña ignorancia. Iso si, procuro evitalo, ser cauto, estar informado. Sen información es ignorante. E se por riba impartes conferencias sobre temas dos que non estás informado… estás en perigo ou, pior aínda, tes a certeza de asumir un espantoso ridículo. Así foi onte á tarde.
Comprobei que a lóxica daquelas persoas do lado escuro era curta demais. Maila estar no certo (FLOSS é unha grande ameza para os seus intereses) logo non obran en consecuencia, é dicir, informándose sobre tal ameaza con tanta máis profundidade canto perigo supoña. Pois non, teñen tanto medo que nin se atreven a achegarse a entendelo, a informarse. A súa auto-defensa tan só é "nin me fales!". Realmente semella un primitivismo animal indigno de ponentes.
Nos tempos que corren, se cadra tempos revolucionarios, moitos sectores están en perigo, precisan anovarse rapidamente, adaptarse. Pero iso non é novidade, sempre foi así! Ou non? Se cadra agora a velocidade é excesiva, até asfixiante, a cotío con novos axentes externos ameazando os asentamentos establecidos, sexan estes éticos, ideolóxicos, culturais, sociais ou económicos. A crise é constante, e agora oficial. Tes que evolucionar, si ou si, adaptándote. É a condición sine qua non existirían as empresas. E tes que evolucionar o máis rápido que poidas se, ademais, aspiras a algo que se valora comunmente como éxito.
Sobre todo se editas libros, adícaste ás artes dixitalizables, desenvolves software privativo… tes que te informar, non detestar, si aprender. Se só detestas, non estarás en condicións de adaptarte, de evolucionar. Estarás en perigo, calquera o estaría! Daquela aprende.
Dígase que, a parte disto, o evento do CFV tivo éxito na súa convocatoria e unha máis que perfecta organización.