Recolle toda a información que poidas para que a túa decisión non implique asumir os riscos de depender da deusa Fortuna, usa a lóxica e ten sentidiño común, é dicir, aplica esta fórmula
Decisión = Información + Risco
Pois non, onte foi o dia da votación da coñecida como Lei Sinde e tamén o da constatación de que hai moita xente directa e indirectamente implicada que, sen unha mínima recolleita de información, opina, berra e até despreza a quen defende que outros modelos son posibles.
A mañá comezou mal pois anticipou a demagoxia, manipulación e desinformación que ía xurdir ao longo do día D, o da votación desa lei. Así, nun programa de CNN+, Daniel Serrano (si, o rapaz de aspecto desenfadado, camisa sempre a cadros, meleniña, liberal…) dixo tal cúmulo de barabaridades que daba vergoña allea. Identificou webs con enlaces a descargas con repositorios reais de tales arquivos e até comparou as descargas co xamón gratis! Pena non ter gravado!
A xornada continuou á espera da votación prevista ás 14 hs pero foise adiando conveniente e inutilmente ata as 21 hs nun intento deseperado de atopar os aliados necesarios para a súa aprobación. Nas televisións e medios de comunicación de masas ían aparecendo os famosos de sempre quen, apropiándose da defensa da cultura, identificaban ás xentes que defendemos novos modelos e unha internet libre como os anti-cultura. Tal vexame (afronta, agravio, aldraxe, inxuria, ofensa, vexación) tivo a súa oportuna e masiva resposta nas redes sociais.
Estas redes mostraron moitas pérolas: a Punset solicitando unha internet libre diante da ministra, os textos de Wikileaks (un, dous) confirmando que o goberno español pediu a EE.UU. axuda para aprobar a lei, unha oportuna canción, a hilaridade que provoca a ignorancia de Álex de la Iglesia e até debates posteriores con tertulianos consternados (!) pola perda da votación. Trala intensa xornada quedaron as ameazas de novas negociacións (mercadeo político literal) e o desexo evidente de quen nos goberna de facer de internet un contorno controlado como o é a televisión.
Hai quen nos critica severamente acusándonos de anarquistas, comunistas, piratas… E unha vez máis demostra o atrevida que é a ignorancia. Quen non quere un mercado de libre competencia son estes ignorantes, son eles quen precisan de regulamentos, cánon e lei Sinde para defender un modelo de negocio incapaz de adaptarse, quen non é capaz de competir a peito aberto, sen protección legal. Adaptación que si fixeron os ferreiros reconvertíndose en mecánicos, os mecánicos en electrónicos… mentras desaparecen tendas tradicionais ou oficios completos, sen axuda de ninguén, sen amparo de quen nos goberna. E temos que ser nós quen lles amose novos modelos de negocio ou subvencionarlles a súa inoperancia? Por que?
Procurade esa información necesaria cun mínimo de apertura mental, a lectura de textos, a consultoría empresarial e, loxicamente, espíritu de adaptación e proacción. Non queda outra! Bueno, si, varias estériles leis Sinde e seguir á cola das sucesivas oportunidades que a historia nos deixe como esperar a que a deusa Fortuna nos traia un novo xenovés (si, refírome a Cristóbal Colón) para logo poder dicir que tivemos un imperio, iso si, malia non saber como xestionalo (explotación, escravitude, odio a la madre patria, hiper-inflación, bancarotas…).
Velaquí uns recomendables libros e temas a estudar:
- Wikinomics, la nueva economía de de las multitudes inteligentes
- Imagine… NO COPYRIGHT
- Software Libre
- Creative Commons
- Copyleft
- …