A consultora IDC vén de publicar un informe amosando unha óptima perspectiva para o Sw Libre e mailo Open Source. Concretamente sinala:
"Os ingresos mundiais debidos ao software de código aberto (OSS, open source software) medrará a unha taxa dun 22,4% de crecemento anual composto ata acadar os US $ 8.100 millóns en 2013. Esta previsión é considerablemente maior cá feita en 2008, por tres razóns:
(1) a lista empregada para calcular os ingresos ampliouse grazas a un amplo esforzo de incluir máis proxectos neste pronóstico;
(2) o Software Libre acadou un grao de aceptación nos pasados 12 meses moito maior có esperado; e
(3), a economía acelerou a absorción e uso de software de fontes abertas no derradeiros meses de 2008."
"O software de fontes abertas acadou un forte impulso no mercado a partir da actual crise económica", dixo Michael Fauscette de Software Business Solutions. "OSS é cada vez máis unha parte da estratexia empresarial en software nas empresas líderes e está a ter un bo ritmo de adopción nas súas infraestruturas principais. Mentres a industria global de software segue a consolidarse, será clave para as empresas fornecedoras de OSS conquerir axeitada dimensión se estas planexan continuar como un negocio autónomo."
IDC cita á economía como o motivo polo cal a súa predición sinala un aumento nos ingresos do software de fontes abertas. Dado que é unha previsión a longo prazo (2013), posiblemente comprobemos que, en xeral, as empresas demandarán máis estas tecnoloxías independentemente dos cambios na economía.
IDC vincula tamén outra razón para o aumento da súa optimista previsión para o mercado do software de fontes abertas. "Os grandes fornecedores de software coma IBM, Sun, Dell, HP e Oracle están obtendo cantidades significativas de ingresos indirectos das súas actividades neste sector e mailo seu apoio ao OSS. Isto axudou moito na aceptación xeneralizada que agora ten o OSS."