Onte (martes 12 de xaneiro de 2010) a SXMIT (Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica) reuníu na Xunta a todo o sector empresarial TIC galego representado por INEO, AGESTIC, EGANET, AETIC, ASIMELEC e AGASOL.
Un resumo do alí acontecido e mailas opinións das respectivas asociacións está dispoñible nesta ligazón.
En materia de Software Libre hai previstas múltiples actuacións ata 2013. As súas liñas mestres están dispoñibles neste PDF.
AGASOL aportou inicialmente as seguintes ideas, preocupacións e suxestións:
- AGASOL considera que é imprescindible pór énfase na defensa das MicroPEMES TIC porque semella que a contratación pública vai encarada excesivamente a grandes proxectos.
- Solicitamos un estudo comparativo dos retornos económicos que se obteñen dos concursos públicos cando estos son gañados por empresas locais e SwL fronte a outras modalidades como as empresas ‘delegadas’ de multinacionais.
- Internacionalización da oferta TIC. Aproveitar a Galicia emigrante non só en Europa ou Hispanoamérica senón tamén abrindo lazos coa Lusofonía.
- Discrepamos coa afirmación “o SwL só é sw, o usuario terá que elixir” para pór en claro que “o SwL, si, é sw pero tamén é vantaxe competitiva, é solución tecnolóxica… e tamén é un ben común. Non só se di
isto por dogmatismo senón tamén por pragmatismo: o crowdsourcing, a
compartición de código, transparencia e independencia para a clientela… son feitos“. - Preguntamos se os 14.000 portátiles que virán a Galicia desde a iniciativa do Mº de Educación dentro do proxecto Escola-2.0 irán exclusivamente con SwL ou con arranque dual. Encamíñannos á Consellería de Educación que será quen o determine en última instancia.
- Unha vez máis tivemos que aclarar sobre o termo “Sw Propietario”, un clásico erro que leva a pensar que o SwL é dominio público ou que non ten propietarios. Evidentemente, o SwL ten propiedade e, a través da potestade que lle confire o Dereito de Autor, decide dar liberdades aos usuarios.
Feitas estas aclaracións, AGASOL uníuse ao resto do sector TIC alí representado ao agradecer a convocatoria e maila implicación da SXMIT coas inquedanzas de cada unha das asociacións.