De indignado a revoltado

Onte deitei indignado, hoxe acordei revoltado. Case que é un pouco do mesmo, se cadra unha simple énfase dun sinónimo. Dígoo porque aínda hai quen non se informou o suficiente e polo tanto non entendeu e segue construíndo unha visión errada dos 'indignados'.

En xaneiro do pasado 2010, no artigo "Anticiparse ao inevitable", deixei esta idea:

"(...) para rematar este artigo vou ir aínda máis lonxe, moito máis lonxe. A democracia tamén terá que adaptarse. Realmente, stricto sensu, é coñecida como 'goberno do pobo' desde a antiga Atenas maila comezar realmente a implantarse e difundirse hai pouco máis dun século, antes só era falacia ou utopía. E hoxe? É 'goberno do pobo' ou 'goberno de representantes do pobo'? Si, representantes dun pobo hastiado, cada vez menos participativo nas eleccións, que realmente é gobernado durante catro anos polos mesmos representantes ata volver ser consultado. Poderá a universalización do acceso á rede modificar a metodoloxía pola que o 'goberno sexa realmente do pobo'? Cando iso aconteza posiblemente teñamos unha auténtica democracia e a partir daquí xa veremos se ese é o mellor goberno posible."

Tanto por escrito como a viva voz, mesmo antes da reseña anterior, comentei e debatimos xuntos diversos temas, abertamente amosamos o desexo dunha nova realidade, cuestionamos (por que non?) o actual sistema democrático sobre todo tras subliñar a súa singular evolución histórica; comentamos a definición do termo "revolución" realizada por Jacques Barzun; debatimos sobre o paralelismo existente entre imprenta e internet; os novos modelos de negocio que nacen ao abeiro da rede; as obrigadas reciclaxes doutros modelos só amparados por forzadas e interesadas políticas (si, refírome á Lei Sinde); as poderosas sinerxias, froitos e, para algúns sectores, tamén perigos que emanan das "Redes Sociais", termo hoxe común pero usado inicial e exemplarmente polo Software Libre desde hai décadas; o despilfarro económico favorecido por políticas ignorantes e insensibles; as licenzas libres e abertas; WikiLeaks; as revolucións islandesa e árabe; o ineficiente e inxusto sistema de desenvolvemento da industria farmacéutica e outros moitos temas, moitos máis!

Por todo isto, ser testigos do acontecido o 15-M, o ulterior contaxio a numerosas prazas, a súa saída ao estranxeiro ou o seguimento de xentes de todas as idades foi e segue sendo un auténtico privilexio. Actitude pacífica, con rexeite frontal a calquera significación partidista (sábese que aínda hai que non o entende, sabemos que houbo quen pretendía beneficiarse e até identificarse co 15-M así como outros procuraban sen descanso fíos de alta conspiración), autoxestionado...en fin, único!

Ao meu entender, co 15-M demostrouse claramente a conexión dos intereses partidistas cos medios de comunicación e o descoñecemento case que xeneralizado de ambos respecto da natureza e xénese do 15-M. Afortunadamente hai algunha excepción: "De #nolesvotes a 'Democracia real ya'". Nel, por fin!, sinálase que a gota que colmou o vaso repleto de indignación foi a aprobación da Lei Sinde e o adestramento para DRY foi a agrupación #nolesvotes.

Escrito tras unha xornada electoral exemplar na democracia que nos tocou vivir.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno