"A innovación actual só vén do código aberto"

Tan rotunda afirmación foi feita por John Powell, CEO de Alfresco, e vén perfectamente a colación do anterior artigo "Atrevida ignorancia sobre FLOSS" escrito tras presenciar conferencias de quen sabe que os seus modelos de negocio baseados en licenzas privativas están ameazados polo, segundo as palabras dalgúns deses conferenciantes, "marketing viral do open source xa que podes descargalo gratuitamente...".

Como formula o meu antigo profesor José Carlos Álvarez "Decisón = Información + Risco", o cal di ben ás claras que se non estás informado a túa decisión basearase exclusivamente no risco, en cara ou cruz. E iso é o maior atranco que amosaron os profesionais cos que compartín a xornada aquela titulada "Estrategias de crecimiento de las empresas TIC: ¿Cómo lo hacen los mejores? Casos prácticos" onde curiosamente nada, absolutamente nada, falouse do éxito do modelo FLOSS agás para enfrontalo con certo odio. Entendo ese odio como ignorante (repito, dígoo sen menosprezo, si como constatación do feito da súa escasa ou nula información sobre FLOSS).

Comentamos moi superficialmente o caso Alfresco durante as conversas daquel dia. A teima xeral era centrase unicamente na gratuidade de súa descarga. Permanecían xordos á inclusión doutras variables como a legalidade (licenza GPL con excepción), as vantaxas inherentes á apertura do seu código, o seu modelo de negocio, a aparición na escena nun novo factor que algúns nomean como crowdsourcing e menos aínda do seu rotundo éxito con clientes do máis alto nivel.

Pois ben, recoméndolles a esas persoas que lean o artigo orixinal onde John Powell, CEO de Alfresco, di que  "A innovación actual só vén do código aberto". E, por suposto, que continúen a partires daquí informándose máis e máis, dándolle tempo á longa dixestión necesaria para asimilar toda a amalgama de ítems que o FLOSS posúe.


Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

P.D.: Por certo, aproveito a ocasión para darlle publicidade a unha empresa de AGASOL que da servizos baseados en Alfresco, Queres.