Limitarei a miña participación en eventos de SwL

Non sen pena hai pouco máis dun ano tiven que deixar de cumprir co meu tácito compromiso de publicar a lo menos un par de novas sobre Software Libre cada dia en AGNIX.org cando aínda asinaba como 'asennadas'. Desde agora tamén teño que limitar a miña intervención en eventos. Non quero pechar a posibilidade a facelo pero rexeitarei participar na maioría das oportunidades que se me presenten, algo que só deixei de facer en dúas e ben lembradas ocasións ao longo destes anos, ambas por imposibilidade real.É Senna no mollhando ruando prá cima...

Veño de confirmalo, por natural curiosidade; foron máis dun cento de intervencións, case que todas en Galicia, unhas en España e algunha en Portugal, Angola e Brasil. Todas esixiron tempo de preparación e entrega, a maioría tamén viaxes, case sempre desembolsos económicos ou sacrificios á familia. A cambio naceron amizades, certa divulgación, confío que algunha concienciación e moito agradecemento.

Precisamente o agradecemento foi a mellor das recompensas. A paixón que me moveu e mailo agradecemento que recibín compensaron de sobra todo ese longo tempo de esforzo. E, con franqueza, o agradecemento, sobre todo ese que non agardas, especialmente o feito en público e mailos aplausos son unha fonte de enerxía inesquecible. Xente, grazas, moitas grazas!

Malia sermos conscientes do moito que temos que traballar por diante, seica é unha ledicia disfrutar dunha situación boa, eu case diría que moi boa comparándoa co noso contorno. Hai moita xente nova empurrando, temos máis dunha dúcia de asociacións que só neste ano organizan 60 actividades, temos traducido completamente escritorios e aplicacións ao galego, unha asociación de empresas especializadas AGASOL na punta de federación española ASOLIF, AGASOL foi quen de aproveitar a diáspora galega para asinar acordos coa ASL (Brasil), Cadesol e Solar (Arxentina), empresas con importante presenza na comunidade ou até no ámbito internacional, maila haber alternancia no poder político séguese apostando polo SwL, no supecomputador Finis Terrae do CESGA corre GNU/Linux, Stallman (foto que lle tomei no CESGA) xa veu a esta punta de Europa en dúas ocasións... todo ilo sendo apenas pouco máis de 2,7 millóns de habitantes, bastante menos que Roma, Salvador de Bahía ou Barcelona, uns exemplos onde nin por asomo conqueriron o que nós xa consolidamos en SwL.

E seguimos!

O evento deste meu punto e aparte será o 25 de novembro no CIS de Ferrol.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno