A prol do Sw Libre, sempre!

A prol do Sw Libre, sempre!

Moitas persoas levamos anos loitando activamente e con teima a prol do Sw Libre. Porén, queda tanto para acadar ese obxectivo! Daí que nos aledemos moito por cada logro atinxido, como compensación a tanta fe e esforzo.

Antes de 2005 nin iniciativas políticas había, agás as actuacións testimoniais dalgúns concellos, centros de formación ao profesorado e pouco máis. Maila ausencia de apoios oficiais, facíanse xornadas de difusión, traducíase software, nacían GUGLs (Grupos de Usuari@s de GNU/Linux), consolidábanse as primeiras empresas forncedoras... todo un conxunto de ítems que axudaron a que as diversas forzas políticas levaran ás eleccións autonómicas, evidentemente en distinto grao de intensidade e credibilidade, propostas a prol dos estándares abertos e o SwL.

A partires de 2005 sucedéronse excelentes novas. No acordo de goberno acadado polo bipartito facíase mención expresa tanto o SwL como os estándares abertos. "Será certo? Serán só declaracións?", pensábamos con ansiedade.

Trocamos ansiedade por paciencia cando agardamos un ano completo polo nacemento da ben querida mancomun.org en maio de 2006. Logo viñeron PEGSI, Rede de Dinamización, o contundente apoio á língua, o diálogo cos diversos axentes da comunidade e outras moitas emblemáticas actuacións. Moitas positivas, todas mellorables, algunhas até criticables pero non temo errar ao afirmar que a valoración xeral en canto ao SwL foi positiva maila vir todo dunha única consellería.

Do lado desesperanzador véu a nulo cumprimento do PEGSI dentro dos propios órganos do goberno bipartito da Xunta. Proba dilo é que o sw privativo aínda está a imperar na abrumadora maioría dos escritorios, a documentación interna manexada segue sendo intercambiada con formatos pechados e a integración de SwL apenas deixa de ser testimonial. O que hai neste eido é máis debido á teima de individualidades que ás decisións firmes de quen lle competía facelo.

Un novo período electoral autonómico abriuse neste 2009. O panorama era máis esperanzador aínda pois os tres grupos políticos levaban nos seus programas a parella SwL e Estándares Abertos con moita máis contundencia. Polo tanto, independentemente de quen gañara e dos gustos persoais, o anticipo daba sinais dun novo avance. "Será certo? Serán só declaracións?", pensábamos con (acho que menor) ansiedade.

Velaquí que cadrou termos altenancia no poder autonómico. Lóxica e lamentablemente, como adoita aconter en política, a oposición pon a caldo a quen goberna, igual que o fixo quen goberna cando estaba na oposición. Unha das partes sintíndose a xusta e correcta, acusando ás outras do contrario. E viceversa, así ad infinitum, como se fora unha inquebrantable fórmula matemática, dando sempre o resultado previsto.

Estes primeiros dias de cambio de goberno gañaron protagonismo, a lo menos no ámbito do SwL, as noticias alarmantes. Comezou a tempada bélica sabéndose dun contrato para o pagamento de 2,2 millóns de euros a Microsoft. Sóubose despois que isto viña herdado do anterior goberno. Algo máis agochadas saíron as axudas dun millón de euros para autónomos que merquen PCs con SwL. Souben despois que isto tamén véu herdado do anterior goberno. Descoñecendo en profundidade cada un destes feitos, parece que a cousa non é nin para disparar nin para colgar medallas, a lo menos agora non.

Abriuse logo a campaña "A Xunta ameaza desmantelar Mancomún". Isto sorprendeume bastante porque, maila procuralo con detimento, non atopei por ningures a primeira referencia a ilo no documento tomado como base para esa campaña. "Alarma intencionada? Inxenuidade a miña?" A cousa foise acentuando xa que logo os diversos medios ían repetindo estas mesmas noticias e sospeitas. Seguía dubidando, "Alarma intencionada? Inxenuidade a miña?"

A pouco máis de cen dias do novo goberno, fumos convocados onte pola secretaria de Modernización e Innovación Tecnolóxica o CESGA, Mancomun.org (tamén presente a Fundación para o Fomento da Calidade, máis ca nada para lexitimizar a presenza oficial de Mancomún na reunión), as oficinas de SwL das tres universidades e AGASOL. Tras máis de dúas horas de xuntanza recibimos de primeira man o compromiso da Xunta de seguir a senda dos estándares abertos, de apoiar ao SwL nun contorno de "convivencia" e da continuidade de diálogo, entre outras. Logo, na rolda de prensa, ampliouno para sorpresa tanto dos asistentes da prensa como nosa, partícipes da xuntanza. Dígoo porque mencionou o ensino primario e secundario ou a adopción de medidas para o derradeiro catrimestre deste ano, algo que no o fixera na propia xuntanza.

Á primeira pregunta por parte da prensa foi "Que pasará con Mancomun.org?". A resposta foi rápida, directa e afirmativa: "Seguirá". Foi a confirmación pública dalgo que queríamos escoitar.

Agora, supoño, voltarán de novo as batalliñas políticas. Que se "é que, claro, decidiron iso porque sentiron presión perante a demanda social dalgúns medios e maila campaña", e polo tanto o éxito hai que outorgalo a... quen sexa quen queira colgarse as medallas porque de seguro que sobrarán candidaturas.

En fin, igual que anteriores casos, penso que onte foi un dia para a ledicia. A nosa ben querida mancomun.org segue adiante, haberá impulso de estándares abertos internamente na Xunta e cara o seu diálogo coa cidadanía, primarase SwL tamén como motor industrial, enfróntase dunha vez o tema do ensino primario e secundario, hai unha secretaría con potestade de actuación en materia TIC en todas as consellerías...

Tempo haberá de denunciar e até berrar perante medidas que consideremos erradas ou desviadas do seu programa político. Teño absoluta certeza nilo, independetemente de onde veña e de quen goberne. Pero onte de seu, foi un dia de ledicia e optimismo. E así considero que deberíamos disfrutalo toda a comunidade galega.

Roberto Brenllategnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno